Feira do Capón en Vilalba

Os exemplares de Capón de Vilalba véndense na feira anual que se celebra antes da noiteboa.

A Feira do Capón

Máis que unha só unha feira

A Feira do Capón de Vilalba pode ter máis de 200 anos de antigüidade, pois nos libros do Concello de Vilalba, aparecen anotacións da Feira do ano 1835. Tradicionalmente, celebrábanse na praza de Santa María, onde se poñían á venda aproximadamente 1.000 pares de capóns. Hoxe en día, a Feira trasladouse a un recinto cuberto, onde tanto as mercadorías como os vendedores, están resgardados das inclemencias do tempo.

Nas semanas previas á Feira, faise un control dos capóns, onde se comproba o estado hixiénico-sanitario dos animais, se observa a porcentaxe de rexeneracións e por último, actualízase o censo, anotando as posibles baixas que houbese.

Preparación

Para a súa comercialización, o capón prepárase dun xeito moi especial. No interior do animal, colócase un pao pequeno de abeleira, para manter o lombo o máis recto posible, o que facilita a posterior da graxa. A continuación, dóbranse as ás, dirixindo a súa punta cara arriba, de xeito que queden pousadas sobre o lomboPor último, colócase a graxa ou ensunlla tamén sobre as costas, ós dous lados, suxeita cun paíño. 

Esta ensunlla é mostra da calidade do engorde dos capóns. Despois déixase arrefriar ata que os músculos adquiran a suficiente rixidez.

O último paso na presentación é a colocación das aves en cestas de vimbio ou madeira, cun recheo de palla e cubertas cun pano branco. É sobre estes panos onde se colocan os exemplares, coas cabezas cara o centro da cesta e as patas cara fóra, quedando así listo para a venda.

» É fermoso no día do Nadal, evocar as vellas feiras vilalbesas dos capóns, e atoparse na íntima praza de Santa María cos pares de capóns moi colocados e curiosos nas súas cestas, o que contrastaba a brancura da palla e dos manteis de liño caseiros co dourado capón «

- Manuel María

Itinerario da Feira

Que é Vilalba ?

O Concello de Vilalba, capital da Terra Chá, sitúase na zona norte e interior da provincia de Lugo. As terras de Vilalba, constitúen o segundo municipio máis grande de Galicia

A Terra Chá pódese definir como unha comarca rural cunha economía de clara vocación agrícola e gandeira. A climatoloxía e os solos permiten que haxa gran cantidade de terreos dedicados a praderías para a numerosa cabana bovina, onde conviven modernas instalacións con explotacións de carácter familiar de pequeno tamaño e que tenden ó autoconsumo, orientado sobre todo a unha produción láctea. Naqueles lugares da comarca onde a topografía é máis montañosa cobra auxe a gandería extensiva dedicada á produción cárnica e na que predomina a raza autóctona Rubia Galega.

A gastronomía complementa o atractivo da vila na que hai que destacar o queixo de San Simón, o roscón e os célebres Capóns de Vilalba que se comercializan na feira anual, que ten lugar o domingo antes de noiteboa.